6.4.08
PLAMBE 2008
Este xoves e venres celebrouse en Sanxenxo os terceiros encontros do PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia). Aínda que desde sempre fun membro do equipo da Biblioteca escolar nunca asistín ás xornadas pois non desempeñei o cargo de coordinador. Este ano por mor dunha baixa sí tiven a sorte de ir. A organización está coidada ata o máis mínimo detalle, o lugar impecable, os ponentes do bo o mellor,... Parabéns a Pilar e Cristina. Nótase que non só son funcionarias senón que cren firmemente no que traballan. Algunhas notas do moito que se dixo:- A informática e particularmente internet van unidas á Bilioteca Escolar e vaise incrementar aínda máis esta unión no futuro. Hai que abordar xa con seriedade a Alfin (Alfabetización Informacional).
A fenda dixital podemos extendela aos campos lingüístico, social, xeográfico,.. - Unha clara diferenciación entre Información e Coñecemento.
- O bibliotecario de este século XXI debe conxugar os ámbitos de educador, mediador e xestor.
- Manuel Bragado introduciunos no concepto de literacidade (cultura escrita) e máis concretamente na literacidade electrónica (lectura e escritura sobre pantallas). É importante educar nunha literacidade crítica ou informativa que nos permita buscar, atopar, avaliar e manexar datos en Internet. A lectura electrónica require un lector mellor formado e máis crítico.
- Os blogs entendidos como identidades individuais dixitais de dominio público teñen gran importancia como acceso á creación literaria inédita no eido educativo ou para mellorar a comunicación autor-lector. A tendencia actual é a reducirse notablemente o número de blogs debido ao auxe das redes sociais.
- Villar Arellano aclarounos máis o concepto de Alfin xa recoñecido pola UNESCO ou OCDE definíndoa como a "a capacidade básica de todas as persoas de desenvolverse con igualdade na Sociedade da Información", o que orixinou unha nova cultura, novas formas de aprender, e por conseguinte... Unha Nova Escola.
- Nesta concepción pasamos dunha "biblioteca auxiliar" a un "liderazgo pedagóxico"; un novo ámbito educativo dinámico, máis que un xestor de recursos; unha parte integrante do currículo máis que un simple complemento; e finalmente: un entorno para a formación, máis que un depósito de información.
- Entre os principais obxectivos que debe perseguir a Biblioteca Escolar sinalamos: ofrecer materiais (e elaboralos); facilitar o acceso á información; orientar, formar e informar; promocionar a lectura e o acceso á cultura. En definitiva: sustentar un novo modo de coñecer e aprender.
- Toda Biblioteca Escolar debería desempeñar as seguintes funcións: Democratizadora (igualdade de oportunidades educativas e culturais); documental; alfabetizadora (aporta recursos para a aprendizaxe permanente e a ALFIN); socializadora; e un entorno de comunicación multimedia.
- "O home está na beira dun inmenso mar, non de auga senón de información" (Villar Arellano).
- José Manuel Luque defendeu que "a biblioteca non pode ser un servicio complementario do centro".
- Unha boa práctica sería a de publicitar todos os recursos dos que dispón a Bilioteca Escolar para cada ´"Día D" (Paz, Magosto, entroido, amios,...); dar a coñecer entre o propio profesorado os recursos electróncios do centro: blogs, páxina web,...; creación de grupos de lectores-escritores; importancia de ter unha zona telemática definida onde poidamos acceder á información de internet.
- Conxugaremos dúas novas competencias: a educacional coa tecnolóxica.
- Luque retounos a crear nas nosas webs unha base de datos cos recursos informativos e formativos ben organizada (unha posibilidade é facelo seguindo os criterios da CDU).
- Laura Borrás Castanyer introduciu o termo de "Infoxicación", un neoloxismo de Cornellá que combina información con intoxicación na xestión e dixestión do alud informativo dos nosos días.
- O hipertexto e o traballo en rede constitúen as formas discursivas propias da ensinanza virtual da literatura dende un paradigma comparativista.
- "Un bo lector é un relector" (Nabokov).
- Entre as moitas cousas das que nos falou Gonzalo Moure paréceme interesante esa experiencia dun instituto de que cada membro do centro escribise nunha pegada o libro que máis significou nas súas vidas. Unha boa forma de coñecer a cadaquén.
- "Se non les non pasa nada..., pero se les si que pasa" (Gonzalo Moure)

Comentarios